Friday 19 de April de 2024

Ecoloxistas, Afectados polas Infraestruturas e políticos alzan a súa voz en defensa da protección do medio ambiente na área metropolitana


O concello apoiou hoxe a lectura dun manifesto por parte de representantes da Asociación de Veciños Afectados polas Infraestruturas en defensa da ecoloxía na comarca da Coruña e en contra do trazado da Vía Ártabra

As voces en defensa do medio ambiente na área metropolitana chegaron esta mañá a María Pita. A alcaldesa, Inés Rey, e os concelleiros de Urbanismo e Medio Ambiente, Juan Díaz Villoslada e Esther Fontán, arrouparon coa súa presenza a lectura dun manifesto en defensa da ecoloxía na área metropolitana e en contra da destrución da área húmida da Gándara. As e os veciños afectados estiveron acompañados por representantes municipais da área metropolitana da Coruña, entre outros, o alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, a primeira tenente de alcalde de Culleredo, Guadalupe Pombo, o segundo tenente de alcalde de Carral, Pablo Couto, e parlamentaria socialista Begoña Rodríguez, así como as organizacións ecoloxistas Adega e Sociedade Galega de Historia Natural. Tamén asistiu o voceiro do grupo municipal do BNG, Francisco Jorquera.

A área húmida da Gándara constitúe, segundo o manifesto, un elemento estratéxico para o territorio pola súa achega ao espazo Rede Natura Encoro de Cecebre, á Reserva da Biosfera As Mariñas-Terras do Mandeo, á rede de infraestruturas verdes e alberga hábitats de interese comunitario prioritario e especies en perigo de extinción.

Por iso, o manifesto afonda na obriga dos poderes públicos de “velar e protexer os espazos naturais, así como crear dominios públicos como unha das técnicas máis efectivas de protección de certos tipos de bens e contornas”.

Neste senso, os colectivos anunciaron a súa intención de apoiaren a campaña “Pensando global e actuando local” para presentar a candidatura de Greta Thunberg ao premio Princesa de Asturias á Concordia 2020 a través de change. org, como símbolo da necesidade de se involucrar individualmente e de lles esixir comportamentos responsables ás e aos gobernantes.

No ámbito das infraestruturas, denuncian “as innumerables modificacións que sufriu durante os últimos quince anos a Vía Ártabra ata chegar a ser un eixe ineficiente economicamente, absurdo no social e desastroso no ambiental” e pídenlle á Xunta que recapacite e paralice o proxecto. “Aínda están a tempo de pararen unhas obras que supón unha agresión ambiental irreparable”, sinalaron.

Explicaron que o trazado concentra o tráfico na AP-9, o que provocará o colapso desta autoestrada e a avenida de Alfonso Molina, en lugar de distribuír o tráfico entre as diferentes alternativas de acceso á cidade herculina ou a outros municipios. Para as veciñas e os veciños, a Vía Ártabra debe proseguir ata Arteixo, co fin de lles servir de nexo aos concellos da área metropolitana e evitar así que entren na Coruña.